Friday 03 de May de 2024

Adxudicadas as obras para remodelar o skatepark do parque de Eirís, que contará cun bowl e unha ‘skatepraza’ adaptados a máis deportes urbanos


A reforma da pista, que entrou en funcionamento no ano 2005, abrangue a creación dun pequeno xardín no treito central, que actuará como separador entre os dous sectores principais

Tamén este luns a Xunta de Goberno Local aprobou a licitación das obras para reurbanizar os espazos públicos lindeiros á ARRU do Ventorrillo – Casas de Franco, no treito da rolda de Outeiro

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a adxudicación das obras da nova pista de skate no parque de Eirís, unha intervención que conta cun orzamento de 510.000 euros e que executará a empresa Seranco.

A alcaldesa, Inés Rey, explicou esta mañá os detalles da remodelación da pista, que entrou en funcionamiento no ano 2005. A previsión é adaptar a instalación a un abano máis amplio de deportes urbanos, como patinaxe, as bicicletas BMX e tamén patinetes.

“O novo skatepark de Eirís terá dous espazos principais, tal e como demandaban as usuarias e usuarios: un bowl e unha ‘skatepraza’”, apuntou a rexedora. En paralelo ao bowl crearase un paseo peonil, con bancos, fontes e aparcabicis. Ademais, no sector central do recinto haberá un xardín que actuará como espazo separador entre ambas as dúas zonas. O prazo de execución das obras, unha vez que se poñan en marcha, será de sete meses.

Neste sentido, a dirección de obra asignóuselle ao arquitecto Daniel Yábar, un experto nacional na materia e autor de skateparks como os de Santa Lucía en Vitoria-Gasteiz, Parque La Granja en Santa Cruz de Tenerife ou o bowl Vía Hispanidad, en Zaragoza. Tamén ideou circuítos similares en cidades como Logroño e Jerez de la Frontera, e está a ser reclamado para proxectos desta tipoloxía en países como Francia.

Inés Rey apuntou que, para a definición do proxecto de reforma do skatepark de Eirís “escoitouse e dialogouse con colectivos de skate e rollers, porque entendemos que as futuras personas usuarias da instalación deben ser parte activa e fundamental no proceso de recuperación da pista”.

Licitación das obras de reurbanización nos espazos públicos das Casas de Franco

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local aprobou tamén esta mañá a licitación das obras de reurbanización dos espazos públicos na contorna da Área de Rehabilitación e Rexeneración Urbana (ARRU) do Ventorrillo – Casas de Franco, un sector de algo máis de dúas hectáreas composto por máis de 570 vivendas sociais situadas entre a rolda de Outeiro e as rúas Mosteiro de Bergondo, Mosteiro de Toxos Outos e Mosteiro de Caaveiro.

O proxecto de reurbanización recibiu a autorización da XGL a comezos de decembro de 2022.

Dotado con 470.000 euros de orzamento, está centrado no sector leste da ARRU, no treito lindeiro á rolda de Outeiro, onde están previstas diversas actuacións de mellora nos espazos públicos próximos ás vivendas: nos accesos ás mesmas, pero tamén no firme, que se renovará. Está previsto incrementar, ademais, a superficie destinada aos peóns e tamén as áreas verdes na contorna.

Inés Rey lembrou que o proxecto completo para as Casas de Franco inclúe remodelar as rúas interiores do ámbito para acometer melloras de accesibilidade aos portais dos edificios residenciais, e tamén a reurbanización da contorna para a disposición de espazos de lecer.